As 3 principais barreiras para escribir un blog

Escribir e desenvolver un blog para o teu negocio é fundamental. Pero non é automático. Aquí as tres barreiras para escribir un blog máis recorrentes

Únete á nosa lista para recibires contidos exclusivos sobre branding, marketing dixital e pensamento estratéxico para posicionamento de marca.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Contenidos
4 min.

Un blog para o teu negocio

Todo o mundo che di que escribir un blog para o teu negocio é importante. Que te axudará a posicionar a túa web e os teus servizos de maneira efectiva e consistente. Que axudará os teus clientes potenciais a te atoparen cando procuren solucións aos seus problemas ou necesidades na rede.

Cada día millóns de persoas usan internet para iso, precisamente. Non fai falta marearse con porcentaxes. É unha evidencia e seguro que tamén ti o fas habitualmente.

E, ademais, todo o mundo fala de marketing de contidos e de copywriting, e é por algo. Así que, «todo ben!, poñamos un blog no noso negocio».

Pero entón chegan os problemas. Seremos capaces de escribir? Farémolo de maneira continuada ou acabaremos desistindo despois dunhas semanas? E, sobre todo: de que escribir?

Existen 3 grandes barreiras para escribir un blog. E son as seguintes:

O blog é unha peza básica de calquera emprendemento dixital. Icona: flaticon.com

A falta de hábito de escribir

A primeira das barreiras que atopamos á hora de convencer un cliente para escribir un blog é que, en xeral, son poucas as persoas co hábito de escribir. Isto é así. Non debería selo, pero é.

É culpa do tipo de educación que recibimos tradicionalmente. Unha educación centrada na memorización de datos, en lugar de en desenvolver habilidades para buscar e relacionar información, tirar conclusións e comunicalas.

Pero tamén é culpa nosa. Hai que admitilo. Porque o dominio das técnicas de comunicación non cae do ceo. Hai que cultivalas. Exixe tempo e dedicación. Esforzo. E, en xeral, non o facemos.

Como resultado, tantas e tantas persoas senten unha especie de vertixe diante do papel en branco. Suor fría, palpitacións, certa desorientación de non saber nin por onde comezar. Nunha palabra: pánico.

O pánico é a principal barreira para escribir. En xeral, para calquera actividade humana. E cando se trata de escribir, de redactar un copy, un texto persuasivo, esa barreira pon en cuestión as nosas propias capacidades.

Serei capaz de escribir sobre isto? Vou ser capaz de facerme entender? E se ao público non lle interesa o que conto, ou non lle gusta como o conto?

Na realidade, esas preguntas paralizadoras están presentes en cada exercicio de escrita. Non atacan só a escritores amadores ou a persoas que acaban de comezar a escribir. Atacan tamén a homes e mulleres que levan toda a vida escribindo ou que incluso fixeron diso a súa profesión.

A boa noticia é que vivimos inmersos en textos. O que significa que ese pánico pode ser derrotado. Como? Con práctica. Non hai outra.

É como din as avoas: a camiñar apréndese camiñando. Así que xa sabes: comeza a escribir e non te deteñas.

Constrúe un hábito de escribir e verás como, antes do que imaxinas, o pánico ao papel en branco ou ao cursor que pisca nunha pantalla vacía acaban dando paso ás palabras.

A falta de habilidade para comunicar

Como todo nesta vida, escribir é tamén unha habilidade que se obtén coa práctica. Porque, se non escribes nunca, como vas escribir agora? Estamos falando de escribir para explicar unha idea — unha proposta de valor — non de facer unha lista da compra.

Pero, ollo: tampouco falamos de escribir unha novela, nin un artigo para un xornal. Do que falamos é de escribir para convencer. Para persuadir de que a nosa marca, o noso produto ou o noso servizo é útil, resolve necesidades e, ademais, resulta perfecto para quen le.

Escribir para cautivar, en resumo.

Derivada do primeiro problema, que é a falta de hábito, está a segunda das barreiras para escribir un blog que máis atopamos. A falta de técnica. Escribir para cautivar non é cuestión de maxia. É cuestión de técnica.

O copywriting é a disciplina que se dedica a definir, pulir e pór en práctica esas técnicas, precisamente. O obxectivo é lograr unha escrita persuasiva e orientada a convertir visitantes en contactos e, eventualmente, en clientes, que é o que todas e todos necesitamos.

Por outras palabras: lograr que os textos que poñemos nunha campaña, na nosa web ou nas redes sociais fagan o mesmo que fariamos nós en persoa: vender.

Como na barreira anterior, a comunicar apréndese con práctica. E investigando. Existen técnicas que axudan, palabras que son máis poderosas que outras. Tamén existen expresións e xiros que é mellor evitar, e palabras máis fracas. Sobre iso iremos publicando máis posts aquí, para te axudar no teu adestramento como copywriter (todo o mundo é copywriter, aínda que non queira).

Se queres recibir toda esa información directamente no teu correo electrónico, deixa os teus datos na caixa que acompaña este texto. Ou podes pasar por este blog cada certo tempo para revisar que hai de novo.

A falta de inspiración

Por último, a terceira das barreiras para escribir un blog é a falta de inspiración. Ás veces existe o hábito de escribir e mesmo se ten unha certa habilidade para facelo. Pero non se sabe sobre que escribir.

Isto é: o blog dun restaurante, por exemplo, pode publicar unha serie de artigos sobre os seus pratos, sobre os seus valores como marca, sobre o seu servizo de ceas de empresa ou de catering, etc. E despois? Que escribir despois?

A falta de inspiración é un problema recorrente, pero tamén nisto hai boas noticias. Acostuma a estar en relación coa falta de planificación, e con tomar demasiado ao pé da letra a idea de escribir sobre o noso negocio.

Escribir sobre o noso negocio non é só escribir do que pasa de porta para dentro. Voltando ao exemplo do restaurante: ese restaurante ten provedores. Obtén os alimentos e os ingredientes de produtores locais. Pode que mesmo teña unha política de auga quilómetro cero. E eses son temas que poden servir perfectamente para continuar comunicando.

Porque, aínda que non falen especificamente do restaurante, si falan sobre os valores que encarna. E, ben tratados, eses temas poden colocar o negocio no segmento de clientes perfecto: persoas que queren coidar o que comen, que valoran os produtos de proximidade e calidade e apostan por un futuro máis ecolóxico. E todo iso falando só — aparentemente — dos produtores locais.

Sobre a falta de inspiración, en breve publicaremos un post específico con 5 técnicas esenciais para nunca perder a capacidade de producir contidos. Son técnicas testadas e que nós mesmos usamos cando realizamos traballos para outras empresas, marcas e negocios. Axudarante a desbloquear as túas capacidades creativas.

Como dixemos, podes asinar a nosa newsletter e recibir un aviso no teu e-mail cando o publiquemos, para que non teñas que estar pendente de nós.

rua do rego, 6c, 5ºd
15895 o milladoiro – ames
(+34) 659260485
info@olf.gal