7 erros web habituais (que non deberían selo)

Estes son os 7 erros que máis vemos nas nosas análises de usabilidade web. E non son difíciles de corrixir.

Únete á nosa lista para recibires contidos exclusivos sobre branding, marketing dixital e pensamento estratéxico para posicionamento de marca.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Contenidos
8 min.

Ás veces chegan a nós persoas cunha web en funcionamento que se queixan de que non lles está servindo para nada. Aquí somos do firme convencemento de que calquera cousa que non axude, estorba. E, claro, unha web que non serve, que non converte visitas en clientes, pois, efectivamente, estorba.

Así que realizamos auditorías de usabilidade e rendemento web, así como de estruturación da información e copywriting. E estes son os 7 erros web que máis detectamos.

Como se soe dicir: non están todos os que son, pero son todos os que están. E publicámolos aquí porque, para corrixir algúns deles, non é necesario ningún servizo específico. Normalmente, chega con pararse a reflexionar sobre o uso que queremos darlle á web, detectar estas deficiencias recorrentes e poñerse mans á obra de verdade.

Pero este post non é só para quen xa ten a súa web en marcha. Queremos que che resulte útil tamén se estás pensando en construír a túa casa na internet. Se evitas estes 7 erros web desde o inicio, e tes unha estratexia dixital ben fundamentada, verás resultados axiña. Garantido.

Erros Web (1): deseño defectuoso e mala estruturación

Comecemos polo erro mais común de todos. Non entender en que consiste o deseño web.

O deseño web non vai só de que unha páxina resulte atractiva. Nin sequera vai principalmente sobre iso. O obxectivo real do deseño web é estruturar a información da mellor maneira posible, para que poida atoparse con facilidade, lerse con facilidade e ser interiorizada con facilidade. Trátase, polo tanto, de dar «facilidades» a quen a visita. Para que? Para que encontre o que procura. Para que poida chegar do punto A ao punto B no menor número de pasos posible. E tamén para que queira, eventualmente, compartilo, amplificando a nosa mensaxe.

E, atención, coller unha plantilla WordPress e adaptar «algunhas cousas» nótase. Especialmente nas plantillas gratuitas, que soen estar bastante mal construídas a nivel de código ou, simplemente, pretenden servir para todo e finalmente non serven para nada.

Non se trata dunha cruzada contra as plantillas gratuitas, de verdade. Pero o certo é que acaba sendo habitual que fiquen ligazóns que non apuntan a ningures, botóns de CTA mal situados e imaxes de fondo que non teñen nada a ver co que queremos comunicar. O resultado: unha web que pode parecer agradable, pero non é eficiente. Un desperdicio de diñeiro ou esforzo para quen a administra; e un desperdicio de tempo para quen a visita.

Ollo aos menús e os pop-ups

E o mesmo pasa cos menús. Tamén é moi habitual ver webs con menús mal estruturados, cos menús ocultos ou semi-ocultos; ou sen menús! E iso sí que é grave, porque organizar a información é esencial e solucionalo non custa nada.

E, por último, tamén é habitual (e non debería selo) atopar webs que nos reciben con pop-ups de páxina enteira difíciles de pechar, pedíndonos que nos subscribamos a unha newsletter da que aínda non sabemos nada. Non só é habitual. É molesto.

É como poñer unha barreira na entrada dunha tenda física que os nosos clientes terán que saltar para achegarse ao mostrador. Alguén fai iso na vida real? Claro que non. Entón, por que o facemos na rede? As taxas de conversión deses pop-ups son ridículas, como era de esperar, e ademais están penalizados por Google. Pero, por algún motivo, propietarios de webs e algúns deseñadores continúan a apostar por iso.

Nunha web, todo o que hai debe ter un sentido. E todo debe estar organizado visualmente de acordo a un discurso gráfico coherente. Non só na web, como tamén nas redes sociais, campañas de publicidade, etc.

Copywriting e web para O Antídoto. © OLf Estudio Creativo (2019)

Erros Web (2): non implementar a identidade de marca na web

Este é case unha continuación do anterior. Ocorre bastantes veces que un negocio investe en crear unha marca, contrata un estudio creativo ou un estudio de deseño gráfico e acaba estragándoo todo na súa implementación web.

Son casos que producen mesmo unha certa rabia, porque o investimento na elaboración dunha identidade non é calquera cousa. Os estudios creativos xeran libros ou manuais de marca que explican cando e como usar cada elemento da mesma. Se se usan nos seus locais, nas súas publicacións en redes sociais, etc., por que non usalo tamén na web?

Un bo equipo de deseño web sabe respectar as indicacións dos manuais de identidade. E sabe, ademais, que debe facelo. Pero non sempre se fai. Unhas veces por incapacidade, e outras porque se descoñece que exista tal manual. De verdade, non é a primeira vez que nos atopamos un detalle que hai que definir en medio dun desenvolvemento web e o cliente lembra nese momento de que tiña por aí un PDF sobre como usar a marca. Na metade do proxecto!

Así que, en serio: investe en crear unha identidade de marca; pero asegúrate de que esa identidade estará presente en todo o que fagas. Especialmente na web!

Erros Web (3): texto de menos ou de máis

Xa se sabe que, en xeral, as cousas boas, cando son breves, son mellores. Pero «en xeral» non significa «sempre». E, desde logo, non o é cando do que se trata é de presentar ao mundo unha marca, un negocio, un produto ou un servizo. Isto é: non serve de nada limitarse a dicir:

«ola, somos [nome da marca ou da empresa] e facemos [actividade principal]. Estes son os nosos servizos: [servizo 1, servizo 2, servizo 3]. Chámanos.

Vender un produto a través das redes (ou reforzar online unha compra offline) requere explicar por que ese produto ou ese servizo é bo. Non chega con asegurar que se teñen solucións para un problema. Hai que explicar por que esas solucións son boas para esta ou aquela necesidade.

Tampouco adianta nada explicar a nosa vida sen que veña a conto. Hai que pensar en quen nos visita nesa casa dixital que é a nosa web: o que quere é saber a que nos dedicamos e se podemos ser de utilidade. E non adoita ter tempo para moito máis.

A nosa filosofía de vida importa pouco a maioría das veces. Explicar o noso enfoque ou os motivos que nos levaron a ofrecer este servizo ou aquel produto non sobra. Pero, máis veces das que deberiamos, atopamos webs nas que se dedica máis da metade do texto a iso, e case nada ao outro, ao que vende. E, claro: así non dá.

Erros Web (4): redacción deficiente ou mal orientada

Outro deses erros web relacionados co texto, e que tamén pasa a miúdo: negocios que se esforzan en definir unha imaxe gráfica de marca, a aplican en todo tipo de campos e estragan o resultado cunha redacción ao nivel dunha crianza de dez anos.

O principal problema aquí soe ser de disociación. Porque unha cousa é como soan as frases na túa cabeza e outra ben diferente é como van ser interpretadas polo público. Nunha web non se redacta igual que nun texto xornalístico, nin do mesmo modo que nun texto literario.

Como unha web ten unha orientación específica — convencer e xerar leads ou conversións —, o texto debe coidarse ao máximo. Non só evitando os erros ortográficos, que nos delatan inmediatamente; senón tamén poñendo atención ao uso de signos de puntuación, lonxitude das frases, exactitude das palabras que usamos en relación aos conceptos que queremos transmitir, etc.

Por fortuna, tamén nisto hai profesionais e servizos especificamente orientados para os textos web. Son os chamados copywriters. E hai xente que fai iso fantasticamente ben.

O esencial, aquí, é entender que unha identidade de marca non se constrúe só con elementos gráficos ben definidos, sólidos e coherentes. Tamén se constrúe dotando a túa marca dun ton e dun discurso claro e ben definido. E respectándoo.

Optimización web
Fotografía e web para Dream In Santiago © OLf Estudio Creativo (2019)

Erros Web (5): disparar en todas direccións

Outro tema relacionado co texto. Se queres vender viaxes, tes que comunicar pensando en clientes que queren viaxar. Se o que vendes son zapatos, non serve de nada tratar de convencer a quen busca libros de autoaxuda. Isto, que é bastante evidente así contado, non parece selo tanto á hora de deseñar o texto das nosas webs.

Temos que pensar nelas como nun enorme filtro que segmenta todo o público que pasa diante de nós. Definir un cliente tipo, un buyer persona, axuda enormemente a orientar os textos, o ton do discurso e as iscas coas que tentaremos captar a súa atención.

En resumo: webs que non se focalizan non converten visitantes en clientes. E, de feito, teñen xa grandes problemas á hora de conseguir visitas. Así que a solución é relativamente doada: definir o público obxectivo e orientar toda a comunicación na súa dirección.

Erros Web (6): non pensar no SEO

O máis probable é que, a estas alturas, xa teñas perfectamente claro que realizar un correcto traballo de SEO é fundamental. Pero continuamos atopando clientes que non saben nin o que é. E moitos (moitos) que saben o que é, pero non como traballar con el.

Noutro artigo xa falamos do que é o SEO, e entre os nosos servizos de deseño web realizamos tarefas específicas para conseguir este tipo de optimización. Pero, aínda así, sexamos honestos: non adianta nada facer unha optimización fantástica antes do lanzamento da web se despois non se mantén no día a día.

E ademais, conseguir un SEO natural, a base do traballo dos textos con técnicas de copywriting, aforra moito diñeiro en publicidade para aparecer mellor posicionados.

Erros Web (7): esquecerse de que se ten unha web

Abrimos esta lista co erro máis común de todos os que nos atopamos no día a día e ímola pechar co erro máis grave. Esquecerse de que se ten unha web.

Non é que unha web sexa como unha planta que hai que regar, abonar e podar. Pero as relacións cos visitantes e clientes que se establecen através dela si o son. Hai que cultivalas. Hai que axudalas a medrar.

Plugins que deixaron de funcionar porque deixaron de ser actualizados; feeds de redes sociais ou mapas que non se mostran; ligazóns ou botóns que non levan a ningures; imaxes minúsculas non preparadas para o tipo de pantallas que usamos hoxe en día; etc. Estes son algúns dos síntomas dunha web descoidada.

Mais tamén son síntomas de que o negocio ou a marca non dedica tempo a mirar por ela. E isto pode interpretarse de varias formas, pero ningunha delas é boa. En consecuencia, quen entra, acaba saíndo sen chegar a saber o que ofrecemos e por que debería tratar connosco.

Tendo en conta que a maioría de webs están construídas sobre WordPress, actualizar eses plugins tampouco soe ser demasiado difícil. Pero, en todo caso, os servizos de mantemento web, para asegurar que funciona e é segura para os usuarios e usuarias, non son caros.

Se necesitas unha man con isto, ou con algo do anterior, podemos ver como axudarte.

Bonus Track: a cuestión da velocidade

Un dos grandes indicadores das páxinas mal deseñadas é o tempo de carga. E é incrible a cantidade de xente que presta nula atención a isto.

Se nunca fixeches un teste de velocidade, existen boas ferramentas á man. Fiables e gratuítas, ademais. Aquí recomendámosche o GTMetrix, o PageSpeed Insights de Google e Pingdom, de SolarWinds. En ambos casos só tes que deixar a URL da túa web na caixa correspondente e esperar aos resultados da proba, que tardan uns poucos segundos.

A maioría de veces, os resultados non serán marabillosos. Pero non te desanimes, pódense corrixir. E ademais, ambos servizos ofrecen algunhas ideas de como mellorar o proceso de carga.

En todo caso, isto é importante porque unha web mal estruturada, con redundancias de código, imaxes mal dimensionadas, chamadas á acción cortadas, etc., soe ser máis pesada, cargar máis lentamente e facer con que moitos usuarios desistan de entrar. E, se non entran, para que serve esa web?

Necesitas unha auditoría da tua web?

rua do rego, 6c, 5ºd
15895 o milladoiro – ames
(+34) 659260485
info@olf.gal