En todas as empresas, negocios e marcas chega un momento en que comezamos a preguntarnos se é necesario contar cos servizos dunha empresa de deseño gráfico e creatividade. Se estás a ler isto, probablemente teña chegado ese momento para ti. E non é un momento fácil, sabémolo.
O máis seguro é que nin ti nin os teus socios teñades claro sequera se é verdade que necesitades este tipo de servizo.
Ou talvez si o sabedes, pero pensades que non é tan difícil facelo por vós mesmos. Pensar que a filosofía «do it yourself» é perfecta para nós é o máis habitual.
Ademais, sempre sabemos dalgún familiar, amigo ou coñecido que sabe usar Photoshop. Pensamos que tal vez nos pode botar un cabo por un prezo moito máis reducido. E tamén está Youtube, claro, e a tentación de probar sorte.
O boom dos tutoriais de Youtube foi fantástico. Levou moitas persoas a aprenderen rudimentos de Photoshop, Illustrator, InDesign e moito outro software que até hai pouco entraba no apartado de especializado.
Os profesionais tamén vemos tutoriais, e aprendemos cousas deles. Son un recurso fantástico cando o contido é de calidade. Pero tamén hai que aprender a discriminar o que é de calidade e o que non o é.
Ademais, unha cousa é manexarmos máis ou menos uns cantos programas e sermos capaces de crear pezas gráficas decentes — un traballo ben feito, pero «caseiro» —. E outra cousa é empregar tamén todos os coñecementos que axudan a posicionar e destacar o traballo. Xa sexa a túa marca, o teu negocio ou o teu produto.
E diso non hai tantos tutoriais gratuitos que poidas ver en 5 ou 6 minutos. Mellor dito, non hai ningún. Nin gratuito nin de pago.
Agora imos explicar por que xogarse o tipo nesa vía non é tan boa idea. En resumo, imos falar de:
- por que sempre é mellor contratar unha empresa de deseño gráfico que faga este tipo de tarefas para ti
- por que é fundamental deixala traballar, confiar no seu criterio e deixarse guiar.
Unha empresa de deseño gráfico dá resultados profesionais
De novo: ao contratarmos unha peza a unha empresa de deseño gráfico, o que obtemos é un produto profesional, non caseiro. Ese resultado representará a túa marca, negocio, produto ou servizo, e falará do que é, do seu propio motivo e da súa esencia.
De verdade queres que o impacto visual que xera a túa empresa sexa pouco profesional? Propiciar un mal comentario ou unha mala recepción por parte dos teus clientes?
Confiar nos resultados que ofrecemos os profesionais tampouco significa dicir que si a todo. Porque non somos infalibles, e porque as cousas, baixo miradas diferentes, sempre poden mellorar.
A creatividade hai que cultivala
Deseñar un cartel, un banner, unha web ou calquera outra peza non é só saber usar Photoshop, baixar unha foto dun banco de imaxes e porlle texto enriba.
Non é un traballo mecánico senón técnico, e creativo. A creatividade e a técnica non son cualidades innatas. Os profesionais investimos moito tempo en cultivalas. Tamén en formación para dominar os seus principios, en gañar experiencia con diferentes fórmulas e en testar e medir os resultados das probas. Esa experiencia de test e medición só a ofrece unha empresa de deseño gráfico. Esquece iso de «copiar-pegar e listo, xa teño un banner ou un logótipo».
Lembra: estamos a falar da túa marca profesional ou do servizo que necesitas vender para pagar as facturas.
Aforrarás tempo
Outro motivo para deixar o deseño gráfico en mans de profesionais é que de seguro terás mellores cousas que facer, ben máis interesantes e, sobre todo, máis produtivas.
Non es deseñador gráfico nin creativo e non tes por que selo. Para iso hai profesionais que che darán un traballo de alta calidade co que terás un retorno moi elevado do teu investimento, e non falamos só de diñeiro, senón de horas dedicadas.
Mentres, ti podes dedicarte ao que mellor sabes facer: xestionar o teu negocio e facelo crecer. Ademais, lembremos, o tempo que temos é limitado e non podemos facer nós todo. E delegar é de sabios — que parece unha desas frases de manuais baratos de autoaxuda, pero neste caso tamén é verdade.
Aforrarás diñeiro
Outro motivo: o deseño profesional aforra diñeiro. Si, aínda que non o pareza, aforrarás. E máis do que imaxinas.
Talvez penses que contratar un estudio gráfico é un investimento forte e non teñas moi claro cal vai ser o retorno diso. É normal. Pero, se non o fas e ti mesmo ou alguén sen experiencia acaba deseñando a túa identidade gráfica ou unha campaña determinada, os resultados poden ser tan pobres que despois terás que investir moito máis en arranxar a situación.
Imaxina que ese mal deseño causa unha onda de malos comentarios nas redes sociais. Ou de pura indiferenza.
Primeiro gastarás tempo e esforzos en crear unha imaxe defectuosa e despois gastarás máis tempo e máis esforzo (e máis diñeiro) en solucionar unha crise de reputación que antes non tiñas.
Xa sen contar o dano que iso achegará á túa marca.
Máis que unha imaxe, unha identidade
Outro consello de balde. Aínda que non recorras a un estudio gráfico para traballar, deixa atrás iso de hoxe un cartel dunha forma e cunha tipografía, mañá un banner doutra maneira e pasado unha web diferente.
Unificar é clave, porque facilita que as campañas sexan recoñecibles, porque fai a mensaxe máis compacta e resistente á erosión e porque a marca — a túa marca — gañará en consistencia.
A nosa recomendación é buscares unha boa axencia, coa que ademais te encontres cómodo traballando, e que lle confíes a túa identidade gráfica. Esa axencia pode ser OLf ou outra. Hai axencias fantásticas en Galicia, e como non hai nada mellor que recoñecer o talento, podes botarlle un vistazo ás que aparecen na listaxe da Asociación Galega de Deseño.
Ao principio necesitaredes un tempo para vos pór en marcha e que todo flúa. Pero verás rapidamente que, ao facerse cargo da túa liña gráfica, aumentan os resultados en impacto visual, identidade de marca, notoriedade e por último, vendas. Non é automático, claro. Pero, que cousa o é?
***
Bonus track: e que hai o orzamento?
Estamos seguros que con estes motivos terás máis claro que necesitas unha axencia de deseño gráfico e creatividade. Agora probablemente esteas a pensar no orzamento e teñas dúbidas, claro. Porque isto, así contado, até soa ben e moi lóxico. Pero, canto custa?
Hoxe tes ao teu alcance multitude de axencias de todos os tipos, tamaños, niveis e orzamentos. Como se fose un proveedor máis, busca, compara e atopa a túa.
En OLf somos especialistas en solucións gráficas, pero, sobre todo, en escoitar as necesidades dos nosos clientes e en darlles a mellor saída creativa e técnica. Falamos?