Non: unha fanpage de Facebook non serve como web

Esta resposta témola repetido moitas veces nos últimos anos. Unha fanpage de Facebook non substitúe unha web, e aquí imos explicar por que.

Únete á nosa lista para recibires contidos exclusivos sobre branding, marketing dixital e pensamento estratéxico para posicionamento de marca.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Contenidos
5 min.

E se xa teño unha fanpage de Facebook, para que quero unha páxina web? Esta pregunta témola atopado por activa e por pasiva cada vez que nun proxecto nos tocou tratar a parte da presenza dixital.

E non é unha pregunta calquera. Por intuición, a maioría das persoas cren que a presenza dixital se limita a estar nunha contorna virtual. E, por experiencia, saben que as redes sociais son fundamentais e que, nelas, os seus proxectos, as súas empresas, terán unha maior interacción co público. Polo menos, en aparencia. E, ademais, existe a sensación xeneralizada de que todo o mundo está en Facebook. Ou, polo menos, de que todos os nosos clientes están.

Pero non é ouro todo o que reloce, claro. E o certo é que unha fanpage de Facebook non pode substituír ao teu propio sitio web. E agora explicaremos por que.

O que che dá unha fanpage de Facebook

Antes de máis, unha afirmación xeral. En realidade, fanpage e web non son excluíntes, senón complementarias. O feito de que teñas unha fanpage de Facebook non significa que non debas ter un sitio web, e viceversa.

O certo é que o sistema de fanpages de Facebook é unha contorna fantástica. Tanto para grandes empresas como para proxectos máis pequenos. É fácil de usar, evita dedicar esforzos e investimentos que si son necesarios nunha web, e colócanos inmediatamente diante dun público potencial de millóns de usuarios. E, ademais, abrir unha fanpage é gratis. E relativamente rápido.

Pero… (sempre hai un «pero»), en troca, unha fanpage esixe supeditarse ás normas de Facebook, ás súas limitacións e aos seus formatos. E, ademais, nese océano de millóns de persoas, sobresaír e conseguir unha audiencia require tamén, a medio prazo, investimentos en publicidade. Disto, entre outras cousas, é do que vive Facebook.

Visibilidade orgánica vs. Visibilidade de pago

Por outras palabras: o que se aforra en deseñar e manter un sitio web completamente personalizado e en situalo relativamente ben a través dunha estratexia de SEO ben direccionada, pérdese en campañas de publicidade en Facebook.

A publicidade en Facebook non é obrigatoria, por suposto. Pero o certo é que, sen ela, a promesa dese enorme público potencial esfúmase. E non se trata dunha verdade oculta. Segundo as directivas de Facebook, de todo o contido colocado nunha fanpage, os usuarios só acceden, de maneira orgánica, a un ~2%. Son datos aproximados, claro, pero ridiculamente baixos. Así que, ao final, sacarmos a cabeza sobre as augas dese océano de usuarios potenciais ten o seu custo.

O servizo de publicidade de Facebook permite chegar a moita xente a través de campañas facilmente configurables, mesmo con orzamentos baixos. E por iso acaba sendo a opción que escollen a maioría de empresas cunha fanpage, para manter ou incrementar a visibilidade. E funciona, pero, a medio prazo non é unha ganga. E moito menos de balde.

O que non che dá unha fanpage de Facebook

Fanpage de Facebook: unha ferramenta útil, pero non absoluta
Fanpage de Facebook: unha ferramenta útil, pero non absoluta

Por outra banda, unha fanpage de Facebook non é unha navalla suíza. Serve para unhas cousas, pero non tanto para outras. Se deixamos á marxe a promesa do público e a facilidade para que os usarios interaccionen coa nosa empresa, a cousa arrefría bastante.

Primeiro: desde 2015, Google e outros buscadores poden indexar contido de Facebook, pero non o fan do mesmo xeito que outros contidos da web. Dá na vista cunha simple procura rápida. Se buscarmos en Google, por exemplo, «deseño e comunicación», non veremos nin unha soa ligazón a unha fanpage de Facebook na primeira páxina de resultados. E non é porque na rede social non haxa contidos de interese sobre isto.

Segundo: a popularidade de Facebook non é infinita, nin substitúe as procuras en servizos como Google, Bing ou Yahoo. É máis, segundo os resultados do informe de The Social Media Family, en 2019 Facebook perdeu 2 millóns de usuarios en España relativamente ao ano anterior (-8,33%). Así que, si, continúa a haber millóns de usuarios en Facebook, e os números fluctúan ano a ano. Pero se a túa presenza dixital se reduce a unha fanpage en Facebook, podes estar desaparecido para moitos potenciais clientes.

Usuarios de Facebook en 2019.
Fonte: The Social Media Family. Informe 2020.

Terceiro: outro dato do informe, interesante pero un tanto eclipsado, é o índice de crecemento das fanpages. Das 10 máis seguidas por perfís españois, só 3 crecen con respecto a datos do informe anterior. Isto débese aos cambios de algoritmo que impuxo o propio Facebook, e que teñen a ver con «obrigar» as fanpages a usaren publicidade para manter a visibilidade.

Os estreitos límites de Facebook

Doutra banda, están os límites naturais de Facebook canto a deseño e a estruturación da información. Unha fanpage non permite definir a presentación de contidos, máis alá dalgún recurso como a imaxe de cabeceira ou a imaxe de perfil. E xa sabemos o importante que é isto.

Tampouco permite deseñar unha navegabilidade coerente e, como se trata dunha contorna social, os usuarios que visiten a túa fanpage poden ser facilmente distraídos e levados a outro lugar. É dicir, que a permanencia dos mesmos na túa fanpage de Facebook non depende tanto do deseño de contidos e navegación como no teu sitio web.

Ademais, tampouco permite desenvolver outras funcionalidades que si poden estar operativas nun sitio web. Por exemplo, un chat ao vivo, un correo corporativo, ou o teu propio blogue — esencial para unha estratexia de SEO. Se tes unha tenda online, as fanpages permiten reproducila en Facebook, pero o nivel de control non é similar, nin por acaso.

E por último: unha fanpage de Facebook pertence a Facebook. Por usar unha linguaxe máis coloquial: a túa empresa ou o teu proxecto están aí de prestado. Se mañá Facebook decidise cancelar este servizo, adeus a toda a estratexia de contido. Por suposto, unha decisión así é moi improbable, pero permítenos entender ata que punto ese espazo nos é alleo. Aínda que poida ser útil.

Boas novas: non hai que elixir

O mellor de todo este dilema é que, na realidade, se trata dun falso dilema. Non hai por que escoller unha das dúas opcións. Como dixemos ao principio, trátase de estratexias complementarias.

A presenza en redes sociais permítenos dirixirnos ao público de maneira directa. Ir ao seu encontro, en poucas palabras, e non esperar a que caian na nosa web. Ademais, permítenos colocar ligazóns apuntando ao noso sitio propio, e facelo de maneira orgánica, evitando un link sculpting antinatural que pode penalizarnos.

E canto á facilidade de uso: se a túa web está ben construída, o seu mantemento e o seu desenvolvemento non teñen por que ser unha tarefa complexa. Ao contrario.

En resumo: ter unha fanpage de Facebook axúdanos a situar a nosa empresa nunha contorna con millóns de usuarios, sempre que estea optimizada e a estratexia de contidos for atractiva. Pero non substitúe as potencialidades dun sitio web propio.

rua do rego, 6c, 5ºd
15895 o milladoiro – ames
(+34) 659260485
info@olf.gal