10 estratexias de deseño web para mellorar conversións

Levar a cabo estratexias de deseño web é unha das vías máis directas e consistentes para aumentar conversións. Usabilidade e conversións van da man. Sempre.

Únete á nosa lista para recibires contidos exclusivos sobre branding, marketing dixital e pensamento estratéxico para posicionamento de marca.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Contenidos
11 min.

O deseño web importa

Aumentar conversións é fundamental para calquera negocio dixital. Isto xa o sabemos. Levar a cabo estratexias de deseño web para mellorar a nosa páxina é unha das vías máis directas e consistentes para facelo. Porque usabilidade e conversións van de mans dadas. Sempre.

O deseño web non consiste só en ter unha páxina bonita ou vistosa. De feito, a principal función do deseño consiste en presentar a información da maneira máis clara, precisa e apelativa posible. O deseño, se está ben feito, converte visitantes en contactos e contactos en clientes. A estética vén despois e é importante. Pero antes de decorar a casas, hai que construila.

O principal é a usabilidade: a experiencia do usuario (UX), e é por algo. Aquí van algúns datos que explican por que.

  • 40% das persoas abandonan unha web se tarda máis de 3 segundos en cargar. Isto chámase «taxa de rebote» ou bounce rate. Se a web tarda máis de 4 segundos, a porcentaxe dóbrase. Así que, si, a velocidade de carga importa.
  • 46% das persoas que navegan a través dos seus móbiles aseguran ter dificultades con algunhas páxinas web. Isto é claramente un problema, porque o tráfico móbil representa cada vez maior cuota do total.
  • 48% dos usuarios aseguran que un sitio web que non funciona ben ou non se visualiza correctamente no móbil significa que o negocio non se preocupa cos usuarios ou consumidores.
  • 55% das empresas están realizando actualmente algún test de experiencia de usuario. Realizar este tipo de probas ou auditorías sobre este aspecto axuda a revelar problemas e corrixilos.
  • 94% das persoas recoñecen ser influenciadas polo deseño da páxina para determinar se o negocio merece confianza ou non.
  • Mellorar o deseño dunha web aumenta as conversións en 33%.

Por tanto, o deseño web importa. Unha boa interface de usuario aumenta as taxas de conversión. Ou o que é o mesmo: facilita que os visitantes contacten para interesarse polos nosos produtos ou servizos. E mesmo que se subscriban ás nosas novidades, deixándonos marxe para contactos posteriores.

10 estratexias de deseño web que melloran as conversións

E por iso aquí queremos compartir contigo as seguintes prácticas sobre deseño web. Son efectivas e relativamente fáciles de implementar.

1. Simplifica a interface do usuario

Hai uns anos, as webs acostumaban a ter estruturas a dúas ou tres columnas. Algunhas incluso máis. Simplificar a interface do usuario, porén, revelouse como unha estratexia win-win.

Unha estrutura ou layout a varias columnas aumenta as posibilidades de que a audiencia se disperse. Do que se trata, en troca, é de atraer os lectores e lectoras para o asunto central da información, de maneira que a atención estea posta no que nos interesa e a chamada á acción (call to action) resulte unha saída natural perfecta ao terminar.

Ademais: hai que ter en conta o nivel de destreza do noso cliente obxectivo nos contornos dixitais, porque non sempre será como o noso. E non hai nada peor que ter un usuario ou usuaria perdida na nosa web.

Ou sexa: simplificar non é só por unha cuestión de gusto. Funciona, e é a primeira estratexia que queremos recomendar.

Estratexias de deseño web 1. Simplifica a interface do usuario
Simplificar a interface do usuario axuda a manter a concentración

2. Mantén a consistencia do deseño

Relacionado co anterior, manter a consistencia da interface é fundamental. Por que? Porque moverse por unha web exixe un proceso de aprendizado para saber onde está cada contido, cómo usar os menús, que accións é posible realizar, etc. Todo o mundo o fai ao entrar pola primeira vez nunha páxina nova.

Manter os títulos cunha determinada tipografía, tamaño e cor axuda a identificar que se trata de información de destaque. Usar cores específicas para botóns ou para as ligazóns axuda a mellorar a navegación. Especialmente se non se empregan para ningún outro recurso.

Outra maneira de manter a consistencia da interface é non inventar a roda. Isto é: na internet existen diversas convencións que fan máis fácil o seu uso. Por exemplo: que un X represente a acción de pechar. Cambiar o X por calquera outro icono ou cambialo de lugar non acostuma ser boa política, porque dificulta a navegabilidade.

Isto non significa que haxa que repetir unha e outra vez as regras do pasado. Significa simplemente que as mudanzas non poden producir unha sensación de desorientación no público. Ou entón estaremos perdendo visitantes, e moi rápido. E iso significará que o deseño non funciona.

Por exemplo, na versión móbil deste blog, o tradicional ícone de tres barras horizontais (a hamburguesa), que representa o menú e que funciona como un botón que permite acceder a el, foi substituído por un asterisco. Porén, mantívose a colocación tradicional, arriba á dereita. E ademais, unha vez pulsado, ese botón compórtase exactamente como calquera usuario esperaría que o fixese un menú.

Por tanto, pequenas mudanzas poden ser benvidas. Pero neste tipo de aspectos, é importante manter a creatividade baixo o control da eficacia. Máis unha vez: se ninguén sabe navegar pola nosa web, non adianta nada que sexa a máis impactante do mundo.

Estratexias de deseño web 2. Mantén a consistencia do deseño
Que os botóns e funcionalidades estean onde se espera que estean facilita a navegación.

3. Usa a tipografía para estruturar

A tipografía é un dos principais elementos do deseño web. En xeral, de calquera deseño que inclúa texto. Por iso, a escolla das fontes tipográficas ten unha importancia crítica.

Convén distinguir entre a tipografía dos títulos e a do corpo do texto. O ideal é combinar tipografías «con serifa» e «sen serifa», ou que sexan visualmente contrastantes. Google Fonts permite facer probas de combinacións e mesmo dá suxesitóns de emparellamentos populares cunha determinada fonte.

Unha maneira de facer a tipografía contrastante é usar diferentes pesos ou grosores. Neste blog, por continuarmos co mesmo exemplo, usamos NunitoSans para o corpo de texto e Montserrat para os títulos (e só para os títulos). Ambas son tipografías «sen serifa», e en ambas usamos a cor negra. Sen embargo, ademais de usar tamaños diferentes, usamos un forte contraste de pesos que nos permite distinguir perfectamente un título do texto xeral.

Deste modo, conseguimos dar unha xerarquía ao texto que é esencial para que a atención dos lectores non se disperse.

En calquera caso, un dos indicadores dun deseño pouco profesional é a profusión de tipografías diferentes nunha mesma páxina. E, tristemente, é bastante común.

Na realidade, hai moi poucos motivos que poidan levar unha web a necesitar máis de dúas fontes tipográficas diferentes.

Estratexias de deseño web 3. Usa a topografía para estruturar
Limita o número de fontes tipográficas e dálles un valor consistente e sólido

4. Reforza a credibilidade social do teu negocio

Unha boa táctica de persuasión para visitantes é mostrar que outras persoas con necesidades ou problemas similares aos seus xa confiaron en nós. E que acabaron satisfeitas.

Pensemos, por exemplo, no típico exemplo dos restaurantes ou hoteis. Empresas como TripAdvisor basean a súa idea de negocio en conseguir que cada día máis e máis clientes deixen as súas impresións sobre este tipo de negocios. Por que? Porque saben que cada día máis e máis novos clientes buscarán no seu sitio web críticas e valoracións sobre este ou aquel restaurante.

Presentar críticas positivas de clientes danos credibilidade social e aumenta a nosa autoridade no noso nicho de mercado. E, ademais, evítanos ter que estar falando todo o tempo de nós mesmos.

Así que contactar clientes satisfeitos para lles pedirmos unha crítica ou unha recomendación é sempre boa idea. E colocar unhas cantas na nosa web pode ser un poderoso reclamo de conversión.

Estratexias de deseño web 4. Reforza a credibilidade social do teu negocio
As opinións dos nosos clientes importan a outros futuros clientes. É un feito.

5. Xerarquiza os teus produtos ou servizos

A maioría de webs teñen unha sección para presentar os servizos ou produtos que ofrecen. Sen embargo, presentar opcións similares unha ao lado da outra non resulta moi apelativo.

Está comprobado que cantas máis opcións disponibles, máis dificultade sente unha persoa para tomar unha decisión e poñela en práctica. No noso caso, menos posibilidades haberá de que contacten.

Unha alternativa perfecta é mostrar recomendacións feitas polo propio negocio. Non é nada revolucionario, na realidade. Os restaurantes levan desde sempre presentando as «suxestións do chef» por diante da carta de pratos. E hai motivos.

Aquí trátase de facer o mesmo que as «suxestións do chef». Pero, atención: se queres que funcione, o servizo recomendado ten que ser o que mellor funcione ao teu cliente ideal. Mesmo se non é o que mellor che funciona a ti, ou o que che dá maiores beneficios.

Estamos a construír credibilidade e unha relación de confianza. O resto virá despois. E de maneira natural.

Estratexias de deseño web 5. Xerarquiza os teus produtos e servizos
Xerarquiza produtos e servizos e verás aumentar as conversións

6. Aumenta a visibilidade das chamadas á acción

As chamadas á acción son o equivalente dixital á porta dun negocio de toda a vida. Así que son importantes. É importante escribilas ben, pero tamén asegurarnos de que non pasan inadvertidas no medio do contido.

Unha das mellores estratexias de deseño web para converter visitantes en clientes é aumentar a visibilidade desas chamadas á acción. E pode facerse de varias maneiras:

  • Optando por cores complementarias. Por exemplo: azul e laranxa.
  • Creando efectos de profundidade, como o uso de sombras. Isto fará que a chamada á acción pareza estar máis perto do lector ou lectora.
  • Aumentando o contraste de ton da cor principal: facéndoa máis forte conseguimos atraer o ollo de maneira natural.
  • Definindo un espazo vacío ao seu arredor. Isto é: separándoa do contido a través do uso do chamado «espazo negativo».

Claro, probablemente non é boa idea facelo todo xunto. Pero son opcións para probar. Despois tíranse conclusións, decídese un modo e aplícase de maneira sistemática en toda a web.

Estratexias de deseño web 6. Aumenta a visibilidade das chamadas á acción
Deixar as chamadas á acción ben visibles aumenta as taxas de conversión

7. Reduce os campos de formulario

Cada vez máis, as persoas están afeitas a deixaren os seus datos na internet. Coa práctica, a desconfianza vai caendo. Pero iso non significa que poidamos pedirlles até a partida de nacemento.

Para a maioría de estratexias de mail-marketing, e para contactar, é suficiente con ter o nome e o e-mail da persoa. Non necesitarás saber onde vive.

Existe unha especie de relación inversamente proporcional entre a lonxitude do formulario e o número de persoas que se senten a gusto cubríndoo. Isto é bastante evidente, pero non sempre prestamos atención.

Sobre todo, sempre que se poida, hai que evitar campos reiterativos, como o de “confirmar e-mail”. E tamén o do teléfono.

Como dixemos, as persoas séntense cada vez máis tranquilas deixando o seu correo electrónico nun formulario. Pero o número de teléfono continúa a ser unha barreira. Así que pídeo só se o vas usar.

Estratexias de deseño web 7. Reduce os campos de formulario
Formularios cortos e directos facilitan a vida dos usuarios e producen menos desconfianza.

8. Usa imaxes para algo máis que decorar

O uso de imaxes é tamén esencial nunha web. Ao final, o cerebro humano procesa imaxes unhas 60.000 veces máis rápido que o texto que as describe. Así que son un poderoso recurso para favorecer a nosa mensaxe. Especialmente se somos capaces de facelas corresponder co texto.

Por iso, nos últimos anos, asistimos a unha explosión de servizos que se dedican a proporcionar ícones e outros recursos visuais.

Algúns destes servizos teñen membresías gratuítas que permiten acceder a toneladas de material. Flaticon para ícones ou Freepik para imaxes vectoriais son exemplos perfectos.

E iso para non falar de estudios de deseño que crean paquetes de ícones para proxectos específicos, asegurando así orixinalidade e exclusividade.

Pero, como en todo: manteñamos a profusión de imaxes baixo control. As imaxes teñen efectos na velocidade de carga, e tamén poden atrapallar visualmente a mensaxe. Así que úsaas con sentido.

Estratexias de deseño web 8. Usa as imaxes para algo máis que decorar
Crear correspondencias entre texto e imaxe é unha estratexia poderosa para reforzar a mensaxe.

9. Presta atención aos dispositivos móbiles

Os dispositivos móbiles están a gañar protagonismo na internet. Hoxe xa son máis as persoas que empregan preferentemente o móbil para conectarse á rede fóra das conexións de traballo que calquera outro dispositivo.

Así que convén que as nosas estratexias de deseño web estean alineadas con esa realidade. E para iso non chega con adaptar o deseño a pantallas máis pequenas. Non se trata de reducir tamaños.

Trátase de asegurar que a nosa web se visualiza e, sobre todo, pode ser navegada, en dispositivos móbiles. Non só en smartphones, senón tamén en tablets. Hai que ter en conta cómo se verán cada un dos elementos do deseño. Cómo contrastarán uns con outros. Como se garantirán as marxes que nos fan máis fácil a lectura.

Tamén hai que prestar atención a que o texto sexa lexible, e non demasiado pequeno. E, sobre todo, hai que prestar atención á distribución da información.

A multiplicación de persoas usando dispositivos móbiles disparou tamén, hai xa uns anos, o chamado deseño responsivo. Isto é: o deseño que adapta as proporcións dos elementos en función do tamaño da pantalla de visualización.

A maioría de plantillas que se empregan actualmente son plenamente responsivas ou inclúen esa capacidade no seu código. Sen embargo, dependendo do contido, o resultado «automático» pode non ser bo. E iso significa que haberá que facer adaptacións ou deseños completamente diferentes para móbiles. Un estudio de deseño web pode facelo. Unha plantilla predeseñada non.

A importancia de ter en conta esta estratexia é tal que algúns estudios comezaron xa a deseñar primeiro a versión móbil. É máis que un cambio de concepto. Xa non vai de ter unha web mobile-friendly. Vai de ter unha web centrada na navegación móbil.

Estratexias de deseño web 9. Presta atención aos dispositivos móbiles
Unha das estratexias de deseño web máis importantes é prestar atención ao deseño para móbiles.

10. Rebaixa o tempo de carga do teu sitio

A última das estratexias de deseño web para mellorar as conversións ten a ver coa velocidade. Xa o dixemos no inicio deste post e recuperámolo agora ao final. A velocidade importa.

As taxas de rebote (bouce rates) son crueis, pero son un indicador importante da calidade de deseño dunha web. Se os usuarios non entran, non importa todo o traballo que teñas feito para ter a mellor web do sector.

Ademais, a acción pola que un usuario entra nunha web a partir dunha páxina de resultados de Google e sae sen clicar en ningún outro lugar tamén é un dos vectores que analizan os bots que determinan a túa posición nesas mesmas páxinas de resultados. Isto é o chamado pogo-sticking, e os buscadores penalízano fortemente. Unha páxina que non carga ou que tarda máis de 3 ou 4 segundos en facelo, sufrirá máis casos de pogo-sticking. E non só terá potenciais clientes desistindo, senón que comezará a ser levada para posicións máis baixas nas páxinas de resultados.

Sobre a velocidade de carga xa temos falado ao analisar os 7 erros web que máis temos detectado nas nosas auditorías web para clientes.

Debes realizar probas periódicas de carga do teu sitio. Podes facelo de maneira gratuita a través do PageSpeed Insights de Google ou a través de Pingdom. Ambas ferramentas son gratuítas e verdadeiramente fáciles de usar. E, ademais, daranche algúns tips sobre problemas detectados.

Estratexias de deseño web 10. Reduce o tempo de carga do teu sitio
A velocidade de carga da túa web é a miúdo un indicador de calidade de deseño

Recapitulando (e un último consello)

Até aquí as 10 estratexias de deseño web pensadas para mellorar as posibilidades de conversión do teu negocio. Como ves, non son poucas as cousas a ter en conta. Pode resultar abrumador, pero, como todo, ten solución.

Se tes contratado un servizo de xestión da túa web asegúrate de que presta atención a todos estes aspectos. Como funciona a túa web en dispositivos móbiles? A túa estrutura de navegación é a que debe ser? Están as imaxes pensadas para reforzar a idea central do texto?

Se non tes un servizo contratado, tal vez sexa hora de contratar un. Por dous motivos. Primeiro, porque o exército dun só home ou dunha soa muller non funciona. Ninguén sabe de todo, e recorrer a profesionais evita problemas e dores de cabeza.

E, segundo, porque asegurar que a casa dixital do teu negocio está operativa e, sobre todo, aproveitada, exixe tempo. Un tempo que poderías estar dedicando a facer crecer a túa marca nas redes sociais ou offline. Porque iso si que ninguén o vai facer por ti.

Necesitas unha auditoría da tua web?

Analizamos a túa web en relación á visibilidade, copywriting, experiencia de usuario, etc. Realizamos un informe e propómosche melloras. Sen custo. Sen compromiso.

Necesitas unha auditoría da tua web?

rua do rego, 6c, 5ºd
15895 o milladoiro – ames
(+34) 659260485
info@olf.gal